Bueu 

   Quempallou   ----------------------- Novo disco

Aparece este grupo na escea musical galega un feliz día aló pola primavera do 99, dando avante a un proxecto cargado de ilusións, e que xa ten dado moitas satisfaccións ós seus compoñentes. Estes seis mozos de Bueu –O Morrazo- e máis dous do Incio –montaña luguesa-, levan xa andado polas catro provincias galegas, ademais de ter percorrido boa parte do noso país irmán Portugal. De entre os seus concertos salientan algúns no país coma a II Festa Folc de Vilariño (O Hío, Cangas do Morrazo), a Festa do Marisco do Grove, ou o festival organizado pola AmelgaAsociación de Músic@s en Lingua Galega- na compostelá Praza da Quintana a prol da lingua; así coma outros por terras portuguesas, coma a I Xuntança de Gaiteiros de Pinhal Novo, ou o II Festival de Música Tradicional de Macedo de Cavaleiros .

No Outono do 2000 gravaron a súa primeira maqueta, a cal lles permitiría clasificarse para a final do II Certame para Grupos Folk Noveis Radio Obradoiro. Esta final celebrouse o 26 de Xaneiro do 2001 no Auditorio de Galicia –Santiago de Compostela-, tendo como xurado a figuras tan importantes do folk en Galicia coma Anxo G. Pintos –Berrogüetto-, Uxía Pedreira –ex-Chouteira-, ou Óscar F. Sanjurjo –Os Cempés-, quenes declararon por unanimidade a Quempallou gañadores do debandito certame. Asimesmo, acadan o 2º premio na final do II Concurso de Música Folk Cuartu los Val.les celebrado o pasado 28 de Xullo en Navelgas, Tinéu (Asturies), no cal participaron grupos de todo o estado español e Portugal.

Os puntos fundamentais da súa música son o traballar sobre os ritmos tradicionais galegos tentando conserva-la súa frescura orixinal, e ante todo buscando un estilo moi bailábel para goce tanto dos propios músicos coma do público, sexa da idade que sexa. Deste xeito, Quempallou pódese gabar de facer dos seus concertos unha festa rachada, entre pasodobres, rumbas, muiñeiras, polcas..., para diversión de tódolos presentes. O seu instrumental é fundamentalmente tradicional, só sorprendido cando o consideran preciso por algún que outro instrumento alleo pero enriquecedor, como poden ser o mandocello (buzuki), o piano ou as frautas de bico.

            E é que son un perigo estes rapaces cos instrumentos ó lombo, e moito máis enriba dun escenario. Animádevos e gozade da nosa música tradicional con Quempallou, unha festa en cada concerto. A beillaaaaar!!!!

 Compoñentes:

 Guillerme Ignacio: Gaita, frautas, percusións, voz.

Roi Maceda: Acordeón, coros.

Álex Torresquesana: buzuki, piano, coros.

Guillermo Lamosa: Guitarra acústica.

Bernardo Pena: Tamboril, percusións, coros.

Anxo Novas: percusións, coros.

Xosé Maceda: Bombo, coros.

 
 
 
 
 
 Contactos:
Guillerme: 986322307; Roi: 639754236. Quempallou@hotmail.com.

A casa do coto  -  listado de grupos  -  programación cultural  -  enlaces

© A Casa do Coto, S.L. 2005. Reservados Todos los derechos.