Aldán

  José, o Ghaiteiro do Piñeiro
 

A casa do Coto

            José Fernández Canosa, o Ghaiteiro do Piñeiro, naceu e fixo practicamente toda a súa vida no barrio do Piñeiro, na canguesa parroquia de Aldán.

           Provén dunha tradición de gaiteiros que se perde, pois xa o foran seu pai e máis seu avó. E tamén José sentiu dende moi novo ese formiguillo no corpo, de maneira que aproveitaba cando seu pai non estaba na casa para lle colle-la gaita e facer con ela “o que podía”. Tiña tan só 12 anos, e seu pai non vía nada ben que seu fillo quixera ser gaiteiro, berrándolle sempre que o topaba coa súa gaita, e dicíndolle que el non sería ghaiteiro “nunca na vida”.

          Pero José o de ghaiteiro levábao no corpo, e seguiu cismando na súa afección. En canto puido, mercou un punteiro en si bemol co que tocaba ó ir coas vacas, atendendo máis a tocar que ás vacas, e levando tamén varias vareadas no lombo polo mor deso.

          Puido merca-la súa primeira gaita completa aos 16 anos, cando comezou a traballar na albanelería -oficio que desempeñaría toda a vida, chegando a ser mestre de construcción e dono dunha empresa- e o seu mestre lle emprestou as 1000 pesetas que valeu unha gaita “en si bemol e sin ronquilla” nos Almacenes Villanueva de Vigo.

          Seu pai seguíalle a dicir que nunca chegaría a ser ghaiteiro, así que como vedes a única escola que tivo José foi a súa perseverancia e as súas gañas de aprender de onde fose. Deste xeito, a calquera romaría ou acontecemento onde soupera que ían tocar uns gaiteiros, alá aparecía el para escoitar e aprender canto puidera. Lembra unha vez en que seu pai o levou a ver aos mesmísimos gaiteiros de Soutelo de Montes á romaría da Santa Ifigenia en Bueu, e cómo no camiño de volta foi remoendo en dúas ou tres pezas coas que se quedou, e que aínda hoxe en día toca –unha delas é a súa versión da arquifamosa Foliada de Luxán-.

         Ten seguido e aprendido cousas de moitos máis gaiteiros, coma os Barros de Beluso, Os Atrevidos do Hío, e tódolos xa históricos cuartetos que animaban o Carnaval do Hío: Os Morenos de Lavadores (na aldea de Pinténs), os Cruceiros (en Vilariño)... e os que el máis destaca, os Campaneiros de Vilagarcía, pois “eses si que eran bos ghaiteiros”.

         De todos eles foi collendo tanto o estilo coma o repertorio, que sempre adaptou ao seu xeito, pois “pra fase-lo que fan os outros, xa o fan os outros”. E o mesmo fai de outras moitas pezas, xa sexan cantigas populares ás que engade partes, como moi diversas pezas de moda (rumbas, tangos ou mesmo rancheras), que a xente coñecía e de bo grao cantaruxaban e beillaban ao son da gaita. Outras das súas fontes son as bandas de música e, como non pode ser doutro xeito, as composicións propias, entre as que poderedes escoitar algunhas fermosísimas e beiladeiras muiñeiras ao estilo máis enxebre.

        Co nome de “Airiños do Piñeiro” formou José o grupo co que máis ten tocado, anque case sempre trocando os que o acompañaban: Paco Rin-Ran o Ghaiteiro da Portela (Beluso), curmáns seus, os propios fillos... Con este grupo ten ido tocar a moitísimos sitios, coma os Carnavais do Hío (polas aldeas de Vilanova, Pinténs, o Hío...), o San Amaro de Aldán (nome da famosa foliada que gravou Treixadura no seu primeiro traballo) etc. etc.

      Con respecto das cousas que pasan hoxe en día no mundo da gaita, opina que se progresou moito para mellor, pois á gaita “sácanselle muitas máis notas” (en referencia ás alteracións e requinteado). Mais é consciente de que as foliadas que se armaban antes estánse a perder, pois “a xuventú non sabe máis que ir á discoteca”. Lembra que outrora beillábase moita muiñeira e jota, amais dos pasodobles etc., “pero aghora todo iso perdeuse”.

            Das Bandas Marciais ten unha opinión clara: “iso para aquí non sirve; pa alá pa Escosia que faghan o que queiran, pero en Ghalisia pa min non sirve, e aínda menos esa roupa que traen, que non é ghallegha nin nada, o único que vale é pa poñer no medio do millo a espantar os corvos”.

            En xeral á música de gaita José velle moi bo futuro, porque xa viu a cousa baixa de todo, e agora ve moitos grupos e moito interese polo mundo do noso instrumento. Aos rapaces aos que lles dá clases na súa casa (case tódolos días e totalmente de balde), dilles que a ver se son quen de botar coma el 50 anos tocando sen cansarse, porque iso é o que quere, que non deixen de tocar nunca. Tan só quere que aprendan, para que haxa quen quede no seu sitio en Aldán. “Eu quero que isto vaia pa arriba, que xurda, non que baixe, que xurda. E non vale saber sinco ou seis pesas, e disir que xa chegha, hai que saber sinco ou seis sentos!! Iso é o que hai que faser, non perde-la ilusión e seghir sempre pa arriba”.

           Máis claro, imposible. LUME, GHAITEIRO!!!!

 

 

 

 

 

 

 

 

 
 
 

A casa do coto  -  listado de grupos  -  programación cultural  -  enlaces

© A Casa do Coto, S.L. 2005. Reservados Todos los derechos.